Camiño de navegación

Camiño de navegación

Publicador de contidos

Atrás 12. OFICINAS DE XUSTIZA NOS MUNICIPIOS

12. OFICINAS DE XUSTIZA NOS MUNICIPIOS

Segundo o artigo 99 da LOPX, os xulgados de paz sitúanse en todos os municipios nos que non hai xulgado de primeira instancia e instrución. Actualmente, en España existen uns 7600. Entre estes, 1109 contan con instalacións propias e cos servizos de 2700 funcionarios da Administración de Xustiza. A estes hai que sumar os xuíces de paz, que non son profesionais. Nestes municipios residen máis de 14 millóns de habitantes.

Despois de case dous séculos de existencia dos xulgados de paz, as competencias que se lles atribuíran historicamente quedaron reducidas a ser auxiliares do Rexistro Civil e á práctica de determinados actos de comunicación solicitados mediante auxilio xudicial. A primeira destas funcións desaparecerá a curto prazo debido á entrada en vigor da nova lei de Rexistro Civil e á desxudicialización deste, e a segunda esfumarase coa chegada das comunicacións electrónicas.

Esta situación implica que se están destinando uns cuantiosos recursos económicos a soportar unha estrutura administrativa que non lle presta servizos suficientes á cidadanía. Ao mesmo tempo, un número importante de cidadáns, concretamente o 30,45 % da poboación, ten que desprazarse ao municipio cabeza do partido xudicial do que depende ou, incluso, á capital da provincia para levar a cabo actuacións xudiciais ou simplemente solicitar ou ter acceso á documentación dos procedementos dos que forma parte.

Co proxecto de oficinas de xustiza, preténdese responder a ámbolos dous problemas. Quérese que os cidadáns teñan acceso a servizos sen ter que desprazarse como ata o momento e, ao mesmo tempo, aproveitar os medios cos que contan actualmente eses municipios. Desta maneira, refórzase a accesibilidade aos servizos en todo o territorio, sobre todo nas áreas en risco de despoboamento. Ademais, xérase unha intermediación para as persoas que teñen dificultades de aproximación á dixitalización, sobre todo a xente maior.

Preténdese que nestas oficinas se atenda á cidadanía non só no relativo aos procedementos xudiciais dos que forman parte, senón tamén no tocante a outros ligados a distintas áreas da Administración pública. Unha primeira aproximación aos servizos que se prestarán sería a seguinte:

  • Información xeral do estado de tramitación de procesos xudiciais.
  • Posibilidade de realizar calquera xestión de índole procesual con calquera órgano xudicial.
  • Posibilidade de ofrecer nas instalacións puntos de acceso a persoal xudicial que preste servizos en calquera órgano xudicial do territorio español.
  • Practicar actos de comunicación procesual con cidadáns residentes no municipio. Facilitar o acceso dos cidadáns ao Rexistro Civil.
  • Prestación dos servizos de MASC.

O persoal que presta servizos nos xulgados de paz actuais terá un cometido destacado neste proxecto.

Este proxecto coordinarase con outras institucións (ministerios, comunidades autónomas e a FEMP) e contempla a posibilidade de ampliar servizos progresivamente, como o acceso a certificados, o estado de tramitación con outras administracións ou a posibilidade de que o persoal da Administración use a oficina como espazo coworking aproveitando as infraestruturas postas en marcha para o Servizo Público de Xustiza. Trátase dunha ferramenta de cohesión territorial e social, así como de eficiencia interadministrativa.

Volver á lista