Camiño de navegación

Camiño de navegación

Publicador de contidos

Atrás 14. SISTEMAS DE EXECUCIÓN

14. SISTEMAS DE EXECUCIÓN

O proxecto oriéntase a asegurar que a execución sexa efectiva. Articúlase en dous subproxectos.

Modelo de execución. O obxectivo é adaptar os mecanismos de execución para que sexan máis efectivos. Isto farase mediante a metodoloxía dun libro branco: grupos de traballo e debate, análise e propostas. Este libro branco conterá propostas cun horizonte temporal de aplicación completa en 2030.

Oficina de Recuperación e Xestión de Activos (ORXA). En desenvolvemento da Directiva 2014/42 UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 3 de abril de 2014, sobre o embargo e comiso dos instrumentos e do produto do delito na Unión Europea, aprobouse o Real decreto 948/2015, de 23 de outubro, polo que se regula a Oficina de Recuperación e Xestión de Activos como órgano de Administración Xeral do Estado, adscrita ao Ministerio de Xustiza. A súa función é prestarlles auxilio aos xulgados, tribunais e fiscalías na localización de activos e na posterior xestión dos bens que se interviñeran, embargaran ou comisaran por resolución xudicial.

Se o procedemento se inicia a instancia dos xulgados e dos tribunais ou da Fiscalía, o ámbito de actuación enmárcase nos delitos económicos graves que contemplan o comiso ampliado (artigo 127 bis do Código Penal) ou a delincuencia organizada.Se o procedemento se inicia a instancia da ORXA, ademais do ámbito xeral de comiso ampliado, o ámbito de actuación en materia de xestión de bens pódese estender, sempre con acordo previo do órgano xudicial ditado no procedemento do que se trate, a calquera actividade delituosa cando concorran determinados requisitos.

O escenario ao que se vai enfrontar a oficina nos vindeiros exercicios é moi distinto ao que viviu nos cinco anos que pasaron desde que se puxo en marcha. Neste período, como órgano administrativo de nova creación que asumiu funcións que ata o momento non lle correspondían á Administración do Estado, tivo que centrar unha parte importante do seu esforzo en implantar recursos e procedementos.

O obxectivo é potenciar a oficina para conseguir o seguinte:

  • Optimizar os froitos obtidos do comiso a fin de empregalos para facer fronte á restitución pecuniaria das vítimas aboando as indemnizacións establecidas no marco do proceso penal.
  • Colaborar no estrangulamento financeiro nacional e internacional das redes delituosas e na recuperación dos activos procedentes dos delitos cometidos para cumprir o principio de que o delito que xera ganancias ilícitas nunca compense o seu autor
  • Reverter o produto do delito en fins sociais e no fortalecemento de institucións dedicadas á loita contra a delincuencia organizada.
  • Dotar as autoridades competentes dos medios adecuados que permitan localizar, embargar e comisar bens de xeito eficaz, así como administralos de maneira eficiente e efectiva.
  • Cumprir coas obrigas de cooperación internacional e de reforzo da confianza no noso país.
  • Diminuír os custos derivados da xestión de bens embargados e comisados.

Neste proceso, convén analizar a conveniencia de outorgarlle un carácter máis institucional á oficina.

Volver á lista