Camiño de navegación

Camiño de navegación

Publicador de contidos

Atrás 11. TRIBUNAIS DE INSTANCIA E OFICINA XUDICIAL

11. TRIBUNAIS DE INSTANCIA E OFICINA XUDICIAL

O modelo de organización xudicial que creou a Constitución española de 1978 e desenvolveu a Lei orgánica do poder xudicial de 1985 baséase no xulgado unipersoal tradicional. Actualmente, a maior complexidade das relacións sociais e económicas e o incremento importante da litixiosidade formulan esixencias novas na organización da Administración de Xustiza.

Co tempo, a organización xudicial tradicional provocou algunhas disfuncións na Administración de Xustiza, como a falta de especialización dos xulgados, a proliferación de órganos con competencias idénticas nos distintos partidos xudiciais, o fomento da xustiza interina e non profesional ou as desigualdades na carga de traballo e no tempo de resolución de asuntos, entre outras. O proceso de dixitalización acelerado facilita e favorece unha transformación organizativa.

Tribunais de instancia. A racionalización do modelo e a súa eficiencia aconsellan que o primeiro nivel de organización xudicial, a nivel de organización, opere de maneira colexiada tal e como ocorre nas demais instancias xudiciais e nos países da contorna. En España hai 3627 xulgados con cadanseu xuíz ou maxistrado, Letrado da Administración de Xustiza e un número variable de persoal a servizo da mesma. No entanto, en Francia existen 288 tribunais de instancia, en Italia hai 140 tribunais ordinarios e en Alemaña 115 tribunais de distrito, por citar uns exemplos.

Para mellorar o marco organizativo, a implantación dos tribunais de instancia suporá a supresión do xulgado como órgano unipersoal e a creación dun órgano colexiado no que se integrarán todos os xuíces de primeira instancia do territorio recollido no seu ámbito competencial. Como consecuencia da especialización, aumentará a flexibilidade e a calidade das resolucións na primeira instancia.

A implantación dos tribunais de instancia implicará a redistribución dos xuíces no ámbito territorial das súas competencias de forma que se supriman os desaxustes actuais na carga de traballo entre uns xulgados e outros. Ademais, acabarase coas desigualdades no tempo de resolución de asuntos do mesmo tipo. Grazas a isto, os xuíces poderán especializarse máis e mellorarán as condicións laborais. Todo isto desembocará na mellora da calidade do servizo público. Por exemplo, favoreceranse as substitucións entre os xuíces e evitarase o nomeamento de reforzos que, pouco a pouco, porá fin á denominada «xustiza interina».

Por outro lado, desde un punto de vista estritamente xurisdicional, os tribunais de instancia permitirán a unificación de criterios na interpretación e aplicación do dereito. Isto tamén contribuirá a reactivar a economía porque a seguridade xurídica e a previsibilidade da resposta xudicial en caso de conflito son piares da confianza necesaria en todo investimento produtivo

Ademais do xa mencionado, esta reforma permitirá aproveitar as melloras organizativas derivadas da implantación da oficina xudicial, que se basea na especialización de unidades e na colexiación de esforzos por medio da creación de servizos comúns.

Oficina xudicial. A Lei orgánica 19/2003, de 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial introduciu un modelo novo de organización da oficina xudicial, que define como «organización de carácter instrumental que, de forma exclusiva, presta soporte e apoio á actividade xudisdicional» e que se basea nos principios de xerarquía, división de funcións e coordinación.

Ademais, a LOPX establece que a oficina xudicial funcionará con criterios de axilidade, eficacia, eficiencia, racionalización do traballo, responsabilidade pola xestión, coordinación e cooperación entre administracións de maneira que a cidadanía obteña un servizo próximo e de calidade cando acuda á xustiza de conformidade cos principios que figuran na Carta de dereitos dos cidadáns.

Pasados 17 anos desde a definición do modelo novo, este apenas se implantou no 10 % dos 431 partidos xudiciais existentes en España. As causas desta aplicación escasa son variadas e, ata o momento, identificáronse estas tres, que se consideran determinantes:

  • A falta de correspondencia coas estruturas xudiciais actuais (xulgados no canto de tribunais de instancia).
  • A adaptación escasa ou nula dos edificios xudiciais á necesidade de espazos grandes que alberguen os servizos comúns procesuais
  • A imposibilidade de tramitar os expedientes xudiciais integramente en formato dixital.

Co proxecto de implantación dos tribunais de instancia prevista no proxecto que se está tramitando a tal fin e coa posibilidade de tramitar electronicamente os procedementos xudiciais, inclusive desde localizacións físicas alleas ao propio tribunal, ábrese a posibilidade de completar o mapa da oficina xudicial nun período de tempo razoable.

O proxecto «Oficina xudicial dixital» é a oportunidade de converter as oficinas xudiciais en instrumentos nos que a tecnoloxía está ao servizo dunha maior produtividade e eficiencia, da calidade e da excelencia. Así mesmo, é a ocasión de seguir desenvolvendo as funcións dos Letrados da Administración de Xustiza que están á fronte da mesma. O carácter «dixital» da oficina non só implica a renuncia a métodos analóxicos, senón tamén cambios importantes nas canles de comunicación e interrelación tanto a nivel interno, coa propia organización, como externo, con profesionais, usuarios ou outras institucións. Isto tamén demandará cambios culturais importantes. Os avances tecnolóxicos e a reorganización das estruturas para a prestación do Servizo Público de Xustiza melloran a eficacia e eficiencia e permiten o acceso sen que a distancia física supoña un impedimento.

Volver á lista