Camiño de navegación

  • O cambio xa é un feito. O obxectivo é convertelo en transformación mediante políticas públicas que garantan as estruturas nas vindeiras décadas.

    A situación derivada da COVID-19 acelera o proceso de transformación que xa está en marcha.

    O mundo cambia con rapidez. Nos últimos dez anos, a emerxencia climática e a revolución dixital modificaron a natureza da axenda social, económica e ambiental. Os problemas cambiaron e a maneira de abordalos, tamén. A sostibilidade converteuse nun elemento central e empapou as políticas públicas con valores e criterios novos. As cuestións que antes non eran prioritarias tornáronse en urxentes. A revolución dixital, pola súa parte, trouxo da man instrumentos novos que modifican a maneira de traballar. Agora, os datos son un recurso valioso que serve como base para crear os procedementos. Esta sinerxia cambia o contexto no que vivimos desde un punto de vista estrutural.

    Nese proceso de cambio apareceu a pandemia, que agravou os problemas existentes e agudizou a urxencia de atopar solucións. O cambio é un feito. O obxectivo é convertelo en transformación mediante políticas públicas que garantan as estruturas nas vindeiras décadas. A situación derivada da COVID-19 acelera o proceso de transformación que xa está en marcha.

    O Servizo Público de Xustiza non permanece alleo á transformación. Por un lado, existen conflitos variables nunha sociedade en transición e, por outro, a crise resultante da pandemia demanda unha maior eficacia no plano xudicial. Ábrese a oportunidade de mellorar a xestión a partir dos datos mediante o aumento da eficiencia e da accesibilidade dos procesos. Nun momento de máxima actividade lexislativa froito da transformación, tense a responsabilidade de contribuír ao asentamento do Estado de dereito.

    Este contexto complexo é unha oportunidade para a transformación do Servizo Público de Xustiza.

    Para facelo, convén integrar ferramentas novas que amplíen a súa acción e establecer conexións con outras administracións. Trátase dunha evolución importante, pero medida, dunha adaptación ás demandas da sociedade e ás formas que esta adopta. O reto é non deixar a ninguén á marxe. A sociedade vai ser máis verde e máis dixital e, en paralelo, ten que ser menos desigual. A xustiza ten que contribuír a que isto se faga realidade.

    Unha transformación desta índole non pode proceder dunha administración illada. Neste momento, a cogobernanza é un elemento principal en todas as políticas públicas. No ámbito da xustiza, maniféstase nas comunidades autónomas e nas institucións que forman parte da súa gobernanza. Fóra do ámbito da xustiza, reflíctese nos ministerios e nas institucións que dotan de eficiencia os esforzos e as inversións. A transición ecolóxica, a xestión dos datos, o reto demográfico, a cohesión, a redución da desigualdade ou a recuperación económica son desafíos que antepoñen as necesidades da cidadanía e dilúen a mirada estrita posta nas competencias. O impulso do proxecto de país precisa unha cooperación renovada para reducir a incerteza inherente a todas as transformacións.

  • A Xustiza hoxe

    ¿En que punto está a xustiza?

    En España hai unhas 70 000 persoas traballando directamente na Administración de Xustiza: 5500 xuíces e xuízas, case 2300 fiscais, 4300 Letrados e Letradas da Administración de Xustiza (LAX), máis de 14 500 xestores procesuais, 22 700  tramitadores procesuais, máis de 9700 auxilios xudiciais, 1144 forenses, máis de 200 facultativos e facultativas, 100 técnicos especialistas e 120 axudantes de laboratorio que se suman aos máis de 7000 xuíces e xuízas de paz. Ademais, a Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas (CC. AA.) contan con 2000 funcionarios e funcionarias con competencias en materia de xustiza, entre os que está a Avogacía do Estado.

    Tamén existen outros operadores que, sen ser empregados públicos, forman parte do Servizo Público de Xustiza e que permiten, facilitan e, en definitiva, aseguran a relación da cidadanía coa xustiza.

    Ademais, como apoio á totalidade do servizo, contamos con persoal que desenvolve os servizos de interpretación e tradución, peritaxe, mantemento e limpeza das sedes, arquivo e depósito de bens, formación, desenvolvemento e evolución de aplicacións informáticas ou mantemento de equipos etc. Estes colectivos son os que posibilitan que o Servizo Público de Xustiza se preste en condicións.

    A Administración de Xustiza dispón de máis de 1400 sedes xudiciais espalladas por todo o territorio. O Ministerio de Xustiza tamén conta con 14 sedes administrativas ás que se suman as das comunidades autónomas.

    O orzamento agregado do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas que asumiron as competencias en materia de xustiza é duns 4200 millóns de euros ao ano. Cuantitativamente, as cifras son elevadas pero o peso da xustiza non é tan elevando en comparación con outras áreas da Administración. Cualitativamente, o seu peso mídese na importancia da súa función no Estado de dereito e na cohesión social, algo fundamental. Se a xustiza non funciona, o Estado de dereito paralízase.

    A xustiza funciona. Porén, os esforzos de tantos profesionais e a cantidade de recursos destinada non están a dar os froitos que pide a cidadanía.

    O primeiro barómetro de opinión que desenvolveu o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) acerca do Servizo Público de Xustiza tivo lugar en 1984. Naquel momento, o 21 % da poboación española opinaba que a xustiza funcionaba mal ou moi mal. O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) foi o último organismo que formulou esta pregunta en xullo de 2019. Entón, o 48 % da poboación compartía esa opinión. Na mesma enquisa, o 61 % consideraba que os medios cos que conta a xustiza son insuficientes. As tres primeiras carencias que se sinalan son as seguintes: falta de xuíces, falta de medios informáticos e falta de persoal auxiliar.

    Se se toman como referencia as carencias sinaladas, os datos mostran outro diagnóstico. Nos últimos 20 anos, o número de xuíces en España aumentou case un 50 % e pasou de 3748 a 5593. Malia isto, o número de asuntos resoltos nos tribunais descendeu un 5 %.

    En relación cos medios informáticos, segundo o último informe da Comisión Europea para a Eficacia da Xustiza (CEPEX), España lidera a clasificación do índice de equipamento de tecnoloxías da información no sistema xudicial xunto con Estonia e Austria. O gasto por habitante relativo ás ditas tecnoloxías supera a media europea. Emporiso, o resultado é a existencia de sistemas de xestión procesual distintos segundo as comunidades autónomas e que non son interoperables entre si.

    Por último, no tocante á suficiencia de persoal auxiliar, o número de persoas que traballa na Administración de Xustiza alén dos xuíces case duplica a media europea. O último informe da CEPEX apunta que España conta con 105,7 por cada 100 000 habitantes, mentres que a media se sitúa en 55,7.

    En definitiva, os datos non referendan a idea que ten a opinión pública en relación coa carencia de medios na Administración de Xustiza. Segundo un informe da CEPEX de 2018, o gasto no sistema xudicial español ascendía a 79,1 € por habitante, cifra superior á media europea, que se situaba en 64 € por habitante.

    Non é só cuestión de recursos económicos e humanos. Deixando de lado as comparacións cos Estados da nosa contorna, se analizamos o funcionamento da xustiza española, vemos que o problema reside en estruturas e medios non totalmente eficientes, ademais de nos recursos. Nos últimos 10 anos, o número de asuntos ingresados nos nosos tribunais reduciuse un 34% e pasou de 9 567 676 asuntos en 2009 a 6 279 302 en 2019. Este descenso, xunto co aumento de órganos xudiciais e de medios persoais e materiais que se rexistrou no mesmo período, debería ter suposto unha mellora importante na situación do Servizo Público de Xustiza. Non obstante, entre 2009 e 2019, a duración media estimada dos procedementos no conxunto das xurisdicións pasou en primeira instancia de 66 días a 162. En segunda instancia, o ritmo de aumento é similar posto que a duración media pasou de 63 días a 138. Isto é así a pesar da dedicación de xuíces, maxistrados, fiscais, LAX e o conxunto de persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

    Tendo en conta que os recursos económicos e humanos son superiores á media europea e que o aumento no número de xuíces, fiscais e persoal ao servizo da Administración Pública e nos investimentos en medios informáticos foron moi relevantes nos últimos anos, conclúese que estas medidas non repercutiron como se esperaba no número de asuntos resoltos. Sería preciso ampliar a perspectiva para preguntarse cales son os puntos clave que dificultan a eficiencia e precisan un impulso distinto.

    Unha análise en profundidade mostra que o problema se arraiga en varias causas simultáneas: 
    •    Asignación de recursos ineficiente.
    •    Organización compartimentada e pouco flexible. Modelo de gobernanza pouco efectivo.
    •    Normas e procedementos desactualizados.

    As solucións con enfoque exclusivamente incrementalista non son suficientes. Ademais, precísase o seguinte:
    •    Estruturas organizativas eficientes, flexibles e innovadoras. 
    •    Modelo de gobernanza novo.
    •    Mellora regulamentaria no marco do Estado de dereito.

    Pese a que os distintos impulsos dos últimos dez anos melloraron a xustiza, non brindaron os resultados previstos. Neste momento, o contexto internacional e nacional cambia moito e moi á présa. Unha realidade distinta pide políticas públicas diferentes. Isto tamén é así na xustiza. Convén converter este problema nunha oportunidade.

  • Unha sociedade en cambio

    Entramos na crise de 2008 cun problema económico e, dez anos despois, saímos cunha emerxencia climática e unha pandemia. Os acontecementos actuais son de natureza distinta. Estes encarnan un cambio de ciclo que afecta profundamente á sociedade, á economía e ao medio ambiente. Hai catro elementos que definen este proceso:

    O cambio climático

    O Parlamento Europeo declarou a emerxencia climática e ambiental en decembro de 2019. En España, o Consello de Ministros declarouna en xaneiro de 2020. O cambio climático é o problema e a resposta é a transición ecolóxica, que vén acompañada dun programa novo. Este é transversal e involucra ao conxunto da sociedade e das administracións. Por un lado, cambia a dinámica social ao definir un obxectivo global compartido. As tensións sociais entre intereses distintos, onde uns gañan e outros perden, supedítase a un interese compartido maior: que haxa futuro. Aquí, ou toda a sociedade gaña, ou toda a sociedade perde. É unha perspectiva distinta dos conflitos. Por outro lado, non se pode atallar en sectores illados. Isto aféctalle ao conxunto da Administración, non a unha área concreta. A transición ecolóxica cambia algunhas perspectivas da xestión pública, así como os indicadores de medición. Agora, a eficiencia é máis ca un indicador económico e convértese en sostibilidade económica, social e medio ambiental.

    A dixitalización

    Trátase na nova Revolución Industrial. Tal e como aconteceu nas anteriores, supón un cambio na matriz enerxética, que pasa do petróleo ás enerxías renovables, pero, sobre todo, achega un cambio nas materias primas, que pasan a ser os datos. Pasamos de sistemas analóxicos con computadores a sistemas dixitais baseados en datos. Cambia a forma do traballo, do consumo, da cultura e ata da vida privada, que forma parte das redes. O tratamento apropiado dos datos mellora a eficiencia, a descentralización, a xestión común deslocalizada e a inmediatez. Porén, tamén supón un desafío para o Estado de dereito. Convén garantir que os dereitos novos se teñen en conta, tal e como sinala a Carta de Dereitos Dixitais. Os procesos de xestión da Administración cambian e ábrense grandes oportunidades en España, o segundo país con máis teléfonos intelixentes por habitante.

    A desigualdade

    A crise de 2008 aumentou a desigualdade na sociedade española, tanto no ámbito social, que se manifestou mediante a renda, como no territorial, con zonas en risco de despoboamento. Os procesos novos repercutirán nunha sociedade que ten que reducir a desigualdade. Os efectos do cambio climático maniféstanse especialmente nos sectores e territorios máis vulnerables. A dixitalización pode ser un factor de desigualdade novo se non se ten en conta a fenda que separa unha parte da poboación analóxica desde o punto de vista material, cultural ou xeracional. A Administración pública ten o deber de garantir que existen mecanismos estruturais para que ninguén quede á marxe. A loita contra a desigualdade implica garantir o acceso igualitario aos servizos públicos, o emprego, a renda e a xustiza.

    A pandemia

    A COVID-19 puxo á sociedade e ás administracións nunha situación crítica. Sacou á luz os puntos máis vulnerables e as súas consecuencias volvéronse manifestar especialmente nos sectores máis desprotexidos. Ademais da repercusión na economía, cambiou algúns dos elementos que estruturan a sociedade. A mobilidade transformouse como resultado do confinamento necesario para combater a pandemia. A presenza nas sedes oficiais perde peso fronte ás modalidades de prestación de servizos públicos a distancia e en liña.

    A urxencia obrigou a tomar decisións rápidas: plans de choque, modalidades de traballo non presenciais, desenvolvementos lexislativos e adaptacións orzamentarias. A vocación dunha gran parte destas políticas é de estabilidade. Viñeron para quedarse. A pandemia acelera a toma de decisións.

    A transición ecolóxica e a dixitalización son dúas realidades incuestionables que condicionan o presente e condicionarán o futuro. Estas obrigan a reorientar as políticas públicas e as accións das administracións. A pandemia afonda os problemas pero, ao mesmo tempo, acelera as solucións e forza a toma de decisións. Os recursos que destinamos os países europeos á recuperación van acelerar moito o proceso de transformación. As decisións dos vindeiros anos definirán as estruturas nas que se desenvolverá a sociedade no futuro. O obxectivo é que a sociedade reduza a desigualdade actual e conte con máis cohesión social e territorial, cunhas administracións máis eficientes orientadas á cidadanía, cunha gobernanza efectiva fronte aos retos compartidos e cun impacto ambiental menor.

    Estes procesos estruturais desenvólvense nun contexto internacional cambiante. Antes, a Unión Europea (UE) lideraba a loita contra o cambio climático e a aposta pola dixitalización. Agora, enfróntase á pandemia cun proceso de converxencia interna e de responsabilidade mutua entre os países membros. O fondo Next Generation non é só o impulso definitivo ao liderado europeo na transición ecolóxica e na dixitalización, senón que tamén se trata dun proceso de cohesión interna, redución da desigualdade entre os países e arraigamento do Estado de dereito (Rule of law). Os fondos europeos inciden simultaneamente na transformación da economía, a transición ecolóxica e o impulso do Estado de dereito.

    En España, este proceso acontece no marco dun país plural con retos comúns. A cogobernanza vai ser a dinámica institucional, tanto pola pluralidade territorial das comunidades autónomas e dos municipios como pola natureza da axenda nova, que fai que departamentos e organismos de sectores distintos coincidan en retos comúns. A transición ecolóxica e a pandemia son problemas que requiren un cambio na metáfora da política pública. Trátase de pasar da metáfora da máquina con pezas que engrenan para conseguir un movemento constante e repetido á do ecosistema con espazos compartidos que está en proceso de adaptación permanente a unha realidade cambiante. Esta transición implica unha lóxica competencial menos ríxida e unha cogobernanza efectiva.
     

  • Un contexto novo para a xustiza

    O punto de partida de Xustiza 2030 foi un proceso de consulta que se desenvolveu nas áreas do Ministerio de Xustiza en febreiro e marzo de 2020. Posteriormente, chegou a outros sectores, como operadores xurídicos, sindicatos, comunidades autónomas, sociedade civil e outras administracións. Este primeiro diagnóstico mellorouse no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e grazas á valoración da repercusión das medidas de emerxencia que se puxeron en marcha para frear a pandemia.

    O cambio global repercute de maneira concreta no Servizo Público de Xustiza. A dixitalización cambia a forma de traballo e permite un salto cualitativo no seo da Administración de Xustiza debido a que facilita a transformación organizativa e a descentralización dos servizos. Ademais, permite unha xestión máis eficiente a partir dos datos, propicia a asignación dinámica de recursos e simplifica o acceso da cidadanía á Xustiza.

    A experiencia na crise da COVID-19 deixou clara a necesidade de mellorar as relacións a distancia coa cidadanía e os operadores xurídicos a fin de prestarlles servizos de calidade con total seguridade xurídica dixital. O obxectivo non é só minimizar as concentracións de persoas en espazos cerrados, senón tamén evitar desprazamentos e os seus custos relativos ao medio ambiente, á economía e ao tempo empregado.

    Por outra parte, é imprescindible mellorar as condicións laborais do persoal ao servizo da xustiza. Isto farase mediante o desenvolvemento de sistemas áxiles que permitan a tramitación eficaz e eficiente dos asuntos, o emprego de ferramentas que melloren a produtividade (expedientes electrónicos e automatización) e a consecución do traballo a distancia.

    Porén, esta dixitalización implántase nunha sociedade na que existe unha fenda dixital. Segundo o informe La brecha digital en España («A fenda dixital en España») que publicou a UGT en 2019 e que se redactou a partir de fontes oficiais, como o Eurobarómetro da UE, o Instituto Nacional de Estatística (INE) ou o CIS, o desempeño dixital do 70 % da poboación española é básico ou menor e o 45 % da forza laboral enfróntase a dificultades coa informática. Esta fenda ensánchase en función da idade, sobre todo a partir dos 65 anos, da renda, porque é maior entre os colectivos con rendas máis baixas, e do xénero, xa que é maior entre as mulleres. A fenda dixital reduciuse pola urxencia intrínseca na pandemia e no confinamento. A cidadanía, as empresas e as administracións públicas fixeron un primeiro esforzo que está dando resultado, pero convén trazar políticas novas e investir recursos para estreitar a fenda.

    A transición ecolóxica afecta ao conxunto de sedes xudiciais e administrativas, así como aos procesos de xestión cotiáns da Administración de Xustiza. O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima establece que o 74 % da enerxía que se consuma en 2030 ten que se renovable, cifra que ten que chegar ao 100 % en 2050.

    Son normas que impulsan outros departamentos ministeriais e que obrigan á xustiza a adaptar as súas sedes para que sexan máis eficientes desde o punto de vista enerxético grazas á produción dunha gran parte da enerxía mediante fontes renovables, para que usen menos papel (impresoras e espazos de almacenamento), para que xeren menos recursos e para que entren en conexión coa mobilidade dos traballadores e usuarios, que chegarán en medios de transporte alternativos e de maneira menos frecuente debido ao acceso telemático ou ao teletraballo. Estas normas obrigan ao Servizo Público de Xustiza a incorporarse ao marco da transición ecolóxica no plano estrutural.

    Estamos nun momento de incerteza propio da transformación. Por este motivo, os operadores públicos e privados precisan espazos de información e formación que lles proporcionen seguridade. Se os operadores xurídicos senten seguridade no proceso de transformación, a cidadanía, que é a destinataria final, tamén a sentirá. A formación, que sempre foi necesaria, vólvese fundamental.

    A función da xustiza é a tutela dos dereitos e a resolución dos conflitos. O cambio na sociedade, a crise económica e os hábitos sociais e culturais novos veñen acompañados dunha conflitividade distinta. A súa xestión debe contribuír ao aumento da cohesión social. Convén que ninguén quede á marxe e, na medida do posible, resolver os conflitos mediante o diálogo e o acordo entre as partes, sen acudir aos tribunais. O Servizo Público de Xustiza é responsable de incorporar instrumentos novos para resolver conflitos e saír da crise cunha sociedade máis cohesionada e resiliente onde o contrato social se vexa fortalecido. Estes instrumentos propician a participación da cidadanía no conxunto da xustiza e permiten que a sociedade contribúa á eficacia do Servizo Público de Xustiza. A solución de controversias mediante métodos alternativos á vía xudicial reduce o volume de recursos trabados nos xulgados e tribunais, así como o índice de litixiosidade.