Camiño de navegación

Camiño de navegación

Publicador de contidos

Atrás 24. XUSTIZA PARA A TRANSFORMACIÓN ECONÓMICA

24. XUSTIZA PARA A TRANSFORMACIÓN ECONÓMICA

A contribución da xustiza á transformación económica impúlsase a través de tres subproxectos.

Eficiencia xudicial para a actividade empresarial. No seu conxunto, o Servizo Público de Xustiza debe servir ao proceso de recuperación económica de maneira rápida. O obxectivo é mellorar a eficiencia e a rapidez dos instrumentos existentes e xerar un contexto estrutural positivo que fomente a resiliencia.

Vanse impulsar ferramentas para o aumento da eficiencia: administración concursal orientada ao dato, explotación estatística de información concursal e creación de instrumentos para a transferencia de unidades produtivas de empresas en concurso. Unha empresa en situación de insolvencia ou preinsolvencia pode ser viable, especialmente se se teñen en conta as súas unidades produtivas de maneira illada. A venda destas unidades é unha alternativa moito máis eficiente cá liquidación dos activos posto que permite conservar postos de traballo e maximizar o retorno para os acredores. Para que este proceso sexa viable convén, por un lado, axilizar e maximizar a difusión da información do estado da empresa e a obtención de ofertas. Por outro lado, hai que contar coa colaboración institucional dos departamentos estatais e autonómicos dedicados a atraer e canalizar o investimento.

Entre as ferramentas que se poden empregar destaca a asignación dinámica de recursos para atender as cargas cambiantes dos distintos tribunais en momentos de crise económica.

Ademais, aumentará a seguridade xurídica con instrumentos como a creación dun rexistro dixital único de titularidades reais de bens e dereitos no Ministerio de Xustiza en conexión cos rexistros da UE. Isto facilitará a prevención do branqueo de capitais e o fraude fiscal e permitirá a identificación dos verdadeiros titulares para a execución xudicial. Tamén haberá unha plataforma dixital de servizos notariais e rexistrais e outra para a execución xudicial.

Regulación da insolvencia para a segunda oportunidade

A crise económica como consecuencia da pandemia fai urxente a trasposición da directiva de insolvencia nunha lei que sume os casos empresariais aos persoais (RD 1/2015). Moitas empresas e autónomos estanse vendo obrigados a reestruturar os seus negocios debido á situación actual. Nesta situación, é preciso crear un contexto normativo que facilite a reestruturación e, no seu caso, o peche das empresas afectadas.

Este marco conséguese mediante o seguinte:

  • Unha lei no marco da Directiva (UE) 2019/1023 do Parlamento Europeo, de 20 de xuño de 2019 sobre marcos de reestruturación preventiva, exoneración de débedas e inhabilitacións, e sobre medidas para aumentar a eficiencia dos procedementos de reestruturación, insolvencia e exoneración de débedas.
  • Habilitar sistemas de solución de controversias para facilitar os acordos, as reestruturacións e as quitas nas empresas sen chegar aos tribunais.
  • Incluír a xustiza gratuíta como posibilidade para algunhas empresas e autónomos cuxa insolvencia así o esixa.

Xestión eficiente de depósitos e consignacións

Os depósitos e consignacións xudiciais constitúen un elemento esencial no funcionamento da Administración de Xustiza. O volume de fondos que se xestiona fai imprescindible unha xestión correcta e eficiente dos mesmos.

O sistema actual de xestión das contas de depósitos e consignacións xudiciais mediante concurso público comezou no ano 1989 e foi obxecto de distintas adxudicacións e evolucións, fundamentalmente as relativas á aplicación informática que presta apoio á dita xestión.

O sector financeiro, debido fundamentalmente á dixitalización dos seus servizos, experimentou unha evolución extraordinaria no transcurso destes 30 anos. O número de oficinas abertas, que era un elemento esencial á hora de adxudicar o contrato para a prestación de servizos, experimentou un descenso importante.

O sistema segue baseándose na xestión de cobros e pagamentos mediante as oficinas bancarias ou, como moito, transferencias bancarias. Chegou o momento de pensar en avanzar cara un modelo completamente dixital de servizos asociados á xestión das contas de depósitos e consignacións xudiciais. Este será acorde á modernización e dixitalización da Administración e da sociedade e parecerase ao que xa teñen outras grandes organizacións, como a Axencia Tributaria ou a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Por outro lado, no marco dunha xustiza orientada ao dato, tamén convén pensar na disociación do aplicativo informático de xestión das contas, dos sistemas da entidade bancaria adxudicataria do contrato. Unha vez desacoplada a aplicación, a integración desta nos sistemas de xestión procesual das oficinas xudiciais proporcionará unha maior eficiencia na xestión dos mesmos. Esta aliñarase totalmente coa tramitación integramente dixital do expediente xudicial electrónico e abrirá as posibilidades de explotación analítica dos datos derivados das transaccións económicas ligadas a procedementos xudiciais.

Volver á lista